Noticias

O Pazo do Torrado, próxima parada de Pantoque Vía 4/Cambados, exposición sobre a vida nun estaleiro promovida polo proxecto Pasaporte REMA

By 11 Xuño, 2021 Xuño 15th, 2021 No Comments
  • O 17 de xuño inaugúrase nos xardíns do Pazo do Torrado e na sala B esta exposición multidisciplinar e de esencia marítima, que pode visitarse ata o 8 de agosto
  • O proxecto Pasaporte REMA é unha iniciativa financiada polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP) na que participan os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos

 

Cambados (Pontevedra), 11 de xuño de 2021.

Nos xardíns do Pazo do Torrado preséntase o xoves 17 de xuño, ás 12 horas, unha exposición que, a través de disciplinas como o debuxo, a escultura, a fotografía ou o vídeo, percorre o traballo realizado nun estaleiro. Trátase da mostra Pantoque vía 4/Cambados, obra do artista plástico Ramón Trigo e do fotógrafo Eduardo Armada e que poderá visitarse ata o 8 de agosto. Unha parte da exposición verase tamén na sala B, un novo espazo expositivo que xorde como unha adaptación da parte baixa do Pazo do Torrado.

Este proxecto creativo e de investigación realizouse no interior das instalacións dos Estaleiros Armada de Vigo (Pontevedra). Durante un ano os artistas conviviron cos traballadores para poder plasmar a actividade da súa día a día, pero tamén para reflectir o espazo arquitectónico do estaleiro. No acto de inauguración, ao que só poderán asistir persoas con invitación, o artista Ramón Trigo realizará en vivo un mural para o Pazo do Torrado.

Tras unha presentación no propio estaleiro e a visita a diferentes museos galegos, Pantoque chega á localidade pontevedresa de Cambados da man da Rede REMA e dos GALP. É a quinta de 8 mostras de carácter temporal que se realiza con cargo ao proxecto Pasaporte Rema e que percorre os territorios dos GALP galegos.

 

PASAPORTE REMA

Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada a unha nova realidade. Para iso, o proxecto pon en marcha unha serie de actividades informativas, formativas e culturais que se apoian nas novas tecnoloxías, como nova canle de aprendizaxe, entretemento, formación e promoción da oferta cultural dos espazos que compoñen a Rede REMA.

 

Novos contidos culturais

No marco do proxecto desenvólvense novos contidos culturais, un deles é a guía da Rede Rema. As persoas que visiten os distintos espazos da Rede poderán ir acumulando selos Remiña e, unha vez que alcancen un número determinado de estampaxes, participarán no sorteo de cestas mariñeiras.

Cabe destacar tamén a exposición conxunta, O Océano que nos une, un percorrido polos fondos culturais máis destacados da Rede; as mostras itinerantes con contido museístico localizados nos GALP galegos e os percorridos virtuais por 27 dos espazos que compoñen a Rede, localizados en Portugal, Galicia e Asturias.

O proxecto inclúe tamén a celebración de tres seminarios técnicos dirixidos a sacar o máximo potencial ao traballo conxunto entre espazos con contido museístico.

 

Rede REMA

Web: www.redrema.eu

Correo electrónico: info@redrema.eu

630 536 428

Leave a Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.