Noticias

A exposición A Campaña do Argus, sobre a pesca do bacallau, desembarca no Centro de Interpretación Agrelo de Bueu

By 30 Xullo, 2021 Agosto 12th, 2021 No Comments
  • A mostra, multidisciplinar e de esencia marítima, inaugúrase o venres, 6 de agosto, no Centro de Interpretación de Agrelo e poderá visitarse ata o próximo 5 de setembro
  • A actividade enmárcase no proxecto Pasaporte REMA, iniciativa financiada polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP) na que participan os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos

Bueu (Pontevedra), 30 de xullo de 2021. A Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (REMA) finaliza, despois de partir da Casa de Navegación de Baiona, a singradura da mostra temporal A Campaña do Argus en Galicia, unha exposición cedida polo Museo Marítimo de Ílhavo (Portugal) e que desembarca o vindeiro venres, 6 de agosto, no Centro de Interpretación de Agrelo, en Bueu. A inauguración será ás 12 horas.

O público poderá contemplar o traballo realizado polo reporteiro do National Geographic Magazine e oficial da Armada australiana, Alan Villiers, que acompañou aos pescadores portugueses na procura de bacallau nos caladoiros de Terranova, en Canadá, durante 1950. Villiers viviu máis de cinco meses como camarada dos pescadores portugueses. Desa viaxe poderá verse unha colección de fotografías sobre a súa experiencia a bordo do Argus.

A mostra inclúe tamén exemplares da primeira edición do libro A Campanha do Argus, considerado un clásico da literatura marítima mundial e que retrata a campaña de pesca do bacallau. Por outra banda, na exposición proxectarase a película The Bankers – The Voyage of the Schooner Argus.

Con esta iniciativa preténdese poñer en valor a cultura mariñeira como elemento de unión, promoción e intercambio cultural entre as diferentes zonas costeiras atlánticas. A exposición A campaña do Argus poderá visitarse en Baiona ata o próximo 5 de setembro.

 

PASAPORTE REMA

Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada a unha nova realidade. Para iso, o proxecto pon en marcha unha serie de actividades informativas, formativas e culturais que se apoian nas novas tecnoloxías, como nova canle de aprendizaxe, entretemento, formación e promoción da oferta cultural dos espazos que compoñen a Rede REMA.

 

Novos contidos culturais

No marco do proxecto desenvólvense novos contidos culturais, un deles é a guía da Rede Rema. As persoas que visiten os distintos espazos da Rede poderán ir acumulando selos Remiña e, unha vez que alcancen cinco estampaxes, participarán no sorteo de 20 cestas mariñeiras.

Cabe destacar tamén a exposición conxunta, O Océano que nos une, un percorrido polos fondos culturais máis destacados da Rede; as mostras itinerantes con contido museístico localizados nos GALP galegos, os percorridos virtuais a través do xogo REMA 360 por 27 dos espazos que compoñen a Rede, localizados en Portugal, Galicia e Asturias e un escape room en liña de temática mariñeira que se poñerá en funcionamento a partir do mes de outubro..

O proxecto inclúe tamén a celebración de tres seminarios técnicos dirixidos a sacar o máximo potencial ao traballo conxunto entre espazos con contido museístico.

 

Red REMA

Web: www.redrema.eu

Correo electrónico: info@redrema.eu

630 536 428

Leave a Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.