Museo do Mar de Rianxo

Que vou atopar alí?
RED REMA - Ola azul cielo

O Museo do Mar de Rianxo ven ser o buque insignia do Proxecto “Rianxo, o mar feito tradición” e o centro director de todo o entramado museístico e dinamizador do mesmo. Sitúase nun vello edificio, a “Casa do Coxo” (chamábase así porque pertenceu a un excéntrico e devoto boticario de principios de século) restaurada para o efecto, nun dos lugares máis céntricos da vila de Rianxo, e a súa orientación é fundamentalmente etnográfica e antropolóxica. Consta de tres andares (soto, baixo e primeiro andar), nos que se trata o medio en relación coa actividade extractiva, as embarcacións tradicionais no seu quefacer socioeconómico e a construción das mesmas.

 Os nosos espazos:

  • Obradoiro de carpintería de Ribeira: situada no soto, esta sala recrea un taller tradicional de pequenas embarcacións.
  • O mar e a pesca: sala expositiva do baixo que achega a realidade do mar en tanto que camiño de comunicación e fonte de recursos. Sitúa a Rianxo na súa relación co mar.
  • As embarcacións: sala do primeiro andar dedicada á recreación de embarcacións a través de maquetas. Achega o seu proceso construtivo, o deseño e as ferramentas, así como os distintos sistemas de propulsión.
  • Biblioteca: pequena biblioteca que, sen chegar á especialización académica máis rigorosa, pretende ser un referente temático sobre o mar.

Os nosos servizos:

O Museo do Mar de Rianxo, ademais da visitas independentes no seu horario de funcionamento, atende visitas guiadas, tanto para grupos organizados como para escolares ou visitantes individuais (en calquera dos casos é preciso concertar a cita previamente por teléfono). Asemade, a dinamización e o desenvolvemento de propostas culturais vinculadas coas materias que abrangue, ben por iniciativa propia ou en colaboración con outras entidades, e a organización de traballos, actividades formativas, sesións de investigación, emisión de ditames e informes e a edición de publicacións, son tamén parte dos servizos que pode prestar o Museo.

Galería de fotos Museo do Mar de Rianxo
Datos de interese
RED REMA - Ola azul cielo

Museo do Mar de Rianxo

Inverno: De luns a venres de 09:00 a 14:00 horas.
Verán: De luns a domingo de 09:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas

Praza Castelao s/n .
15920 RIANXO (A Coruña)
Telf. 981860808
museodomar@concelloderianxo.gal