Noticias

A Laracha acolle a presentación de resultados do proxecto europeo Pasaporte REMA

By 13 Decembro, 2021 No Comments
  • A cita é o venres, 17 de decembro ás 16 horas, no Centro comunitario de Caión
  • O evento contará coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana
  • Pasaporte REMA é unha iniciativa financiada polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP) na que participan os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos

 

Vigo, 10 de decembro de 2021. O Centro Comunitario de Caión, na Laracha (A Coruña), acolle a xornada de presentación de resultados do proxecto europeo Pasaporte REMA. A cita, que se celebra o venres, 17 de decembro, ás 16 horas, permitirá coñecer os logros conseguidos por esta iniciativa que busca maximizar a difusión da cultura mariñeira atlántica europea e fomentar o intercambio cultural entre as diferentes zonas costeiras atlánticas.

Durante a xornada, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, será a encargada de entregar as cestas con produtos mariñeiros sorteadas entre os máis de 100 participantes da iniciativa pasaporte REMA, un concurso cuxo obxectivo era atraer visitantes aos museos da Rede. Ademais, o venres, 17 de decembro, en Caión haberá un recoñecemento especial para os museos dos diferentes Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos.

Entre outras actividades desenvolvidas pola Rede REMA destaca o lanzamento de guía Espazos Museísticos Pasaporte REMA e a posta en marcha dunha competición para escolares, baseada nun escape room virtual, na que participaron máis de 500 alumnos de 41 colexios galegos.

A xornada do próximo venres contará coa presenza da presidenta da Rede REMA e alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo; o presidente do GALP Costa da Morte, Evaristo Lareo e do alcalde da Laracha, José Manuel López.

Por outra banda, o evento permitirá coñecer, de primeira man, o traballo desenvolvido nos museos municipais de Ponferrada (León). Para iso, o seu director, Francisco Javier García, impartirá a charla Boas prácticas do traballo en rede. Ao finalizar a xornada, o artista Ramón Trigo realizará un mural para o Centro comunitario de Caión.

Un total de 36 museos das costas atlánticas de Galicia, Portugal e Asturias integran a Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (Rede REMA), que prevé expandirse a todo o arco atlántico europeo.

 

PASAPORTE REMA

Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada a unha nova realidade. Para iso, o proxecto pon en marcha unha serie de actividades informativas, formativas e culturais que se apoian nas novas tecnoloxías, como nova canle de aprendizaxe, entretemento, formación e promoción da oferta cultural dos espazos que compoñen a Rede REMA.

 

Rede REMA

Web: www.redrema.eu

Correo electrónico: info@redrema.eu

630 536 428

Leave a Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.