Noticias

Cinco colexios galegos participan no campionato final do escape room da Rede REMA

By 25 Novembro, 2021 No Comments
  • Tres centros da provincia de Pontevedra e outros dous da da Coruña enfróntanse este domingo, 28 de novembro, para facerse co premio
  • Estudantes de 1º e 2º da ESO de máis de 40 colexios galegos participaron nesta actividade
  • O proxecto Pasaporte REMA é unha iniciativa financiada polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP) na que participan os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos

 

Vigo, 26 de novembro de 2021. O campionato REMA 360º chega ao seu fin. Este domingo, 28 de novembro, ás 17 horas, celébrase a fase final do escape room organizado polo proxecto Pasaporte REMA. Os aspirantes para alzarse co premio son cinco colexios, tres da provincia de Pontevedra e dous da Coruña. Son, concretamente, o Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio, o IES de Cotobade e o IES Sánchez Cantón, da cidade do Lérez. Os finalistas da provincia da Coruña son o IES Elviña da cidade herculina e o CPI Cruz do Sar, de Bergondo.

Os cinco son os vencedores da primeira fase do concurso REMA 360º, na que se enfrontaron máis de 40 colexios entre os meses de abril e xuño. Os seus alumnos de 1º e 2º da ESO percorreron, virtualmente, os 27 museos da Rede que había nese momento, para resolver o misterio de porqué os faros da costa atlántica deixaron de funcionar.

As cinco escolas, cuxos alumnos sumaron máis puntos, cítanse este domingo para enfrontarse nun novo escape room en liña. Os participantes terán que superar, nunha hora, distintas probas de habilidade e coñecemento. Cada integrante xogará de modo individual a través dun dispositivo con conexión a internet.

O colexio gañador obterá unha partida de escape room: O legado de Verne, no centro de escapismo Eskapark de Vigo, ou ben, os monitores desprazaranse ás instalacións do colexio. Ademais, o centro gañador recibirá un diploma e unha placa conmemorativa. Inicialmente esta fase final estaba pensada para realizarse de maneira presencial, pero debido á situación sanitaria mantense o formato virtual, para garantir a seguridade dos participantes.

REMA 360º é unha actividade gratuíta que permite aprender sobre cultura mariñeira de maneira interactiva, fomentando o patrimonio marítimo entre os máis novos. A iniciativa conta co apoio da Consellería do Mar da Xunta. Precisamente a Conselleira, Rosa Quintana, foi a encargada de dar o pistoletazo de saída ao campionato.

 

PASAPORTE REMA

Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada a unha nova realidade. Para iso, o proxecto pon en marcha unha serie de actividades informativas, formativas e culturais que se apoian nas novas tecnoloxías, como nova canle de aprendizaxe, entretemento, formación e promoción da oferta cultural dos espazos que compoñen a Rede REMA.

 

Novos contidos culturais

No marco do proxecto desenvólvense novos contidos culturais, un deles é a guía da Rede Rema. As persoas que visiten os distintos espazos da Rede poderán ir acumulando selos Remiña e, unha vez que alcancen un número determinado de estampaxes, participarán no sorteo de cestas mariñeiras.

Cabe destacar tamén a exposición conxunta, O Océano que nos une, un percorrido polos fondos culturais máis destacados da Rede; as mostras itinerantes con contido museístico localizados nos GALP galegos e os percorridos virtuais por 27 dos espazos que compoñen a Rede, localizados en Portugal, Galicia e Asturias.

O proxecto inclúe tamén a celebración de tres seminarios técnicos dirixidos a sacar o máximo potencial ao traballo conxunto entre espazos con contido museístico.

 

Red REMA

Web: www.redrema.eu

Correo electrónico: info@redrema.eu

630 536 428

Leave a Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.